info do proxecto - Fonte da Virxe

Fonte da Virxe
Vaya al Contenido




Arte en comunidade


Pinta & Punto é unha proposta artística participativa promovida pola Asociación Fonte da Virxe.

A partir do retorno da sede central da Asociación ao centro urbano de Santiago - na rúa Campo do Forno 1, en pleno barrio de San Pedro – abrímonos á colaboración coa veciñanza máis próxima.

Pinta & Punto pretende impulsar esa vinculación a través dunha experiencia de creación comunitaria. A proposta está aberta tamén a todas as persoas e entidades comprometidas coa atención á saúde mental, unha misión á que Fonte da Virxe se sumou hai xa 22 anos.

As actividades manuais e artísticas son un recurso fundamental dos talleres rehabilitadores e ocupacionais da Asociación Fonte da Virxe. Co proxecto Pinta & Punto potenciamos a faceta máis libre e creativa destas actividades para animar a toda a comunidade a participar con nós na construcción dunha obra colectiva.

O poder dos 'PUNTOS'

Contamos coa idea e a axuda de ELE, Equipo La Escuela, para adaptar a experiencia pedagóxica centrada nas artes plásticas que desenvolven no centro de educación especial de Argomilla de Cayón, Santander. Toda a comunidade vinculada ao centro participa na creación de montaxes artísticas colectivas a partir de elementos tan básicos como as témperas de colores e uns pequenos círculos de cartón.

Unha proposta artística é moi facilitadora para o contacto positivo entre varias persoas. Non hai que facer grandes actuacións, senón un achegamento... Nenos pequenos, maiores..., con grandes patoloxías, sen patoloxía..., o caso é que convivan e fagan unha cousa tan atractiva que estean a gusto e se esquezan da condición do que teñen ao lado. As capacidades compartidas dan un gran resultado.

Antonio Santiago, Equipo ELE


Desde os inicios foi esencial realizar experiencias plásticas para estimular o potencial creativo de cada persoa. Pouco a pouco, o cartón foi tomando un protagonismo especial. Entrar en contacto co cartón foi tan gratificante e facilitador que, aínda agora, máis de dez anos despois, seguimos descubrindo as suas posibilidades artísticas.

Xunto ao cartón adoptamos o círculo, ou PUNTO, como único modelo para formalizar a expresión plástica e contamos ademáis coa cor e a diversión que aportan as témperas.

A pedagoxía que brota do PUNTO fala de socialización, respeto, autoestima, imaxinación, coñecemento, traballo, ilusión..., de compartir cos demais...

A proposta enmárcase no programa de actividades de verán da Asociación Fonte da Virxe e realizarase na semana do 31 de xullo ao 4 de agosto.

Calquera persoa ou entidade poderá participar sumándose aos talleres que haberá cada día, de luns a xoves, en distintas zonas no barrio de San Pedro para pintar os puntos cos que o venres, día 4, pecharemos a actividade cunha gran montaxe colectiva no Parque de Bonaval.

Pinta & punto estenderase ao barrio de Conxo, grazas a colaboración dos terapeutas ocupacionais e monitores dos talleres do Hospital Psiquiátrico.
Regreso al contenido