A Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais constituíuse en xullo de 1994 co fin de promover servizos de apoio para as persoas con problemas de saúde mental.
Foi impulsada por familiares de persoas cun trastorno de saúde mental e profesionais sanitarios do Hospital Psiquiátrico de Conxo para cubrir a carencia de recursos coa que se empezaba a implantar un novo modelo de atención sanitaria en psiquiatría.
Cada servizo organiza as dinámicas de participación das persoas usuarias desde unha visión integral e personalizada, para mellorar a súa calidade de vida e potenciar a súa autonomía dentro da comunidade.
En suma, o fin primordial da Asociación Fonte da Virxe é a defensa dos intereses e dereitos das persoas con problemas de saúde mental para garantir a súa inclusión social. Este principio fundamental vincúlanos con todas as entidades do Terceiro Sector, pero de maneira especial co tecido asociativo de Saúde Mental do que formamos parte a través de FEAFES Galicia e da Confederación Salud Mental España.