dia da saude 2017 - Fonte da Virxe

dia da saude 2017 - Fonte da Virxe

Buscar
Vaya al Contenido

Menu Principal

dia da saude 2017




 

A depresión, principal causa de problemas de saúde e discapacidade en todo o mundo.


A OMS aproveita o Día Mundial da Saúde para poñer o acento sobre un trastorno que adoita pasar desapercibido e que ten enormes consecuencias negativas na saúde das persoas.


FEAFES Galicia únese a esa chamada de atención, recordando que a saúde non é unicamente unha cuestión física, senón tamén mental.

O Día Mundial da Saúde, que se celebra cada 7 de abril para conmemorar o aniversario da Organización Mundial da Saúde, ofrece unha oportunidade única para mobilizar a acción ao redor dun tema de saúde específico que preocupe ás persoas de todo o mundo.

Por iso, este 2017, a OMS decidiu centrar a súa campaña do Día Mundial da Saúde na depresión.

A depresión afecta a persoas de todas as idades e condicións sociais e de todos os países. Aínda que actualmente está moi banalizada, a depresión provoca angustia mental e afecta á capacidade das persoas para levar a cabo mesmo as tarefas cotiás máis simples, o que ten en ocasións efectos nefastos sobre as relacións coa familia e os amigos e sobre a capacidade de gañarse a vida.  

De feito, a depresión é un importante factor de risco relacionado co suicidio, pois actualmente trátase da segunda causa de morte entre as persoas de 15 a 29 anos de idade no mundo, segundo a OMS. Concretamente, a depresión maior supón un risco de suicidio 20 veces superior ao da poboación xeral, e en Europa representa máis do 7% da mortalidade prematura.

Cómpre sinalar que, contrariamente ao que pensa moita xente, a depresión non é o mesmo que "estar tristes", unha idea que lle resta importancia a unha enfermidade altamente incapacitante. Trátase dunha confusión habitual porque aínda hai moito descoñecemento e falsos mitos cara a depresión, ademais dun gran estigma que provoca que en moitas ocasións non se fale con naturalidade desta afectación.

Recentemente, a OMS deu a coñecer que a depresión é a principal causa de problemas de saúde e discapacidade en todo o mundo. Segundo as últimas estimacións realizadas pola organización, máis de 300 millóns de persoas viven con depresión, un incremento de máis do 18% entre 2005 e 2015. En España, 2.408.700 españois sufriron depresión en 2015, unha enfermidade cuxa prevalencia representa o 5,2 % da poboación no noso país.

Segundo a directora xeral da OMS, a doutora Margaret Chan, "estas novas cifras son un chamado de atención a todos os países para que reconsideren os seus enfoques sobre a saúde mental e a traten coa urxencia que merece".

A falta de apoio ás persoas con problemas de saúde mental, xunto co medo ao estigma, impiden que moitos accedan ao tratamento que necesitan para vivir vidas saudables e produtivas. FEAFES Galicia únese ás consideracións do Día Mundial da Saúde e fai un chamamento para que a saúde mental sexa tida en conta nas políticas sociais e sanitarias na medida que merece.

Coñece máis información e consulta o material da OMS sobre a depresión
Coñece máis información sobre a depresión como primeira causa de enfermidade no mundo




 
Regreso al contenido | Regreso al menu principal